lunes, 22 de octubre de 2012

Mexan por nós e hai que dicir que chove

Con case o 100% dos votos escrutados, os resultados son claros: maioría absoluta para o PP. Durante estas dúas semanas de campaña puxen a miña imaxinación a traballar como había tempo que non o facía, dándolle mil voltas ás enquisas, pensando que os resultados que plantexaban non eran máis que manobras dos medios de comunicación para evitar un cambio que se facía, a todas luces, imprescindible e inevitable. Esta noite espertei do meu soño, Galiza, a miña terra, a que me deu unha lingua, unha educación básica e unha formación universitaria coa que poder axudar ao seu crecemento, falloume coma nunca pensei que me fallaría.

Hai xa moitos meses que non paro de escoitar xente queixándose de que non hai traballo, de que non hai bolsas de estudos para os rapaces e os mozos, de que non se abonan as axudas da Lei de Dependencia... Tampouco cesou o ruído de todos aqueles que, coma min, están fartos do continuo desprezo ao galego dende unha administración que o ve máis coma un problema a solucionar (mellor dito, un problema que hai que quitar do medio) que coma o maior patrimonio que temos neste país, o que fai que sexamos "galegos" e non outra cousa. Das cacarexadas austeridade, pagamento da débeda e redución do déficit prefiro non falar, direi simplemente que gran parte desa débeda é ilexítima (Novagalicia Banco mediante), e que sen débeda pública unha administración xamais poderá ofrecer os servizos sociais que a xente precisa, e moito mais tendo en conta o avellentamento e a dispersión da nosa poboación.

Hoxe resultou ser que todo isto daba igual. Na Galiza, dende hoxe e para os próximos catro anos, manda o PP. Repito, "manda", que non é o mesmo que "goberna". "Manda" porque non lle importa mentir canto máis mellor onde e cando faga falta (mítines, debates, publicidade institucional da Xunta...) para rabuñar o maior número de votos posibles, sabendo xa de antemán que en canto se constitúa o goberno van seguir traizoando a todos eses votantes como viñeron facendo ata agora. "Manda" porque non lle importa o máis mínimo que os seus militantes sexan vistos publicamente "carretando" votos en coches, buses ou mesmo barcos, ou o que é peor, en cadeiras de rodas de xente que, por desgraza, xa non ten as súas facultades mentais nas condicións necesarias para votar. "Manda" porque non lle vai tremer o pulso para reducir o número de escanos de 75 a 61 e modificar a representación das provincias de Lugo e Ourense, reducindo así á mínima expresión a xa de por si dubidosa representatividade da cámara autonómica. "Manda" porque, salvo reformar o Estatuto (xa lles gustaría a eles facer un Estatuto á súa medida, renunciando a cantas máis competencias mellor ou eliminando esa molesta frase do artigo 5 que di que "o galego é a lingua propia de Galicia"), con 41 deputados poden facer canto lles pete sen ter en conta a opinión do resto de galegos que, se ben non votamos ao "enxeñeiro de demolicións" Feijóo, temos o mesmo dereito a que a nosa voz sexa escoitada e tida en consideración no Parlamento.

Sinxelamente, non o entendo. Mexan por nós e hai que dicir que chove. A xente non ve "Sálvame" pero despois é líder de audiencia polas tardes. A xente non usa Internet Explorer pero atópalo en todas partes. A xente di que os do PP son uns "fachas", pero despois vota PP e, aínda por riba, dálles unha insultante maioria absoluta. O fácil en días coma hoxe sería coller a maleta e marchar a correr a Catalunya a pedir asilo político, que para algo son nado en Barcelona e me defendo bastante ben falando "catalá". Alí estarán gobernados tamén por unha dereita que vive por e para as "retallades", pero polo menos repudian todo aquilo que cheire a actitudes coma a do ministro Wert e a súa perla de "españolizar a los niños catalanes".

Por sorte, ese pensamento dura moi pouco na miña cabeza. Para poder conseguir unha Galiza onde poidamos ser plenamente galegos, sabendo que todo o que o noso goberno faga será unica e exclusivamente no noso propio beneficio, e non no dun partido cuxo principal obxectivo é conseguir esa España "una, grande y libre" na que non haxa "bárbaros que no hablen castellano" (aínda que non pasa nada se falan inglés, que sempre está ben saber dicir "Good night!"), temos que traballar desde dentro. E xa non chega con ir votar cada 4 anos (ou menos se ao presidente de turno lle resulta máis rentable), hai que facelo activamente. Por iso estou valorando moi seriamente afiliarme a algún partido politico que sexa "nacionalista galego" e que non experimente ningún tipo de inxerencia procedente de "centros de decisión en Madrid", porque eses son os únicos e auténticos nacionalistas galegos.

Aos "outros", direilles que está moi ben irromper no Parlamento impulsados polas vellas glorias e o descontento popular, pero que non serve de nada facelo cando, grazas á división fomentada, do outro lado vai haber nada máis e nada menos que 40 "palmeros" que dirán que si a todo o que propoña un "señorito" que di ser o presidente de todos pero non acerta a colocar nin un pronome no seu sitio (eu creo que se alguén lle pregunta "a traizón", sen asesores polo medio, o que é un pronome proclítico ou enclítico estóupalle a cabeza...).

Con isto cerro a miña reflexión "en quente" sobre todo o que pasou esta noite. Galiza, boas noites, ou, se o preferides, "good night!".

No hay comentarios: